Saturday 04 de May de 2024

Feijóo destaca a posta en marcha do proxecto para dotar Santiago dunha estación intermodal de ferrocarril e autobuses e, desde aí, a conectividade co aeroporto internacional de Lavacolla


Salienta que o Goberno central compromete o seu apoio a esta infraestrutura con investimento e prazos: “primeiro, a finalización deste anteproxecto no mes de xuño; posteriormente, ver como se inserta a estación de autobuses coa de ferrocarril, aspecto que a Xunta xa empeza a proxectar; e logo, a licitación da obra neste 2015”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o inicio do proxecto para dotar Santiago dunha estación intermodal de ferrocarril e autobuses e, desde aí, a conectividade co aeroporto internacional de Lavacolla. “É necesario deseñar unhas estacións eficientes e eficaces; conectar coa utilidade obxectiva que se reclama e concentrar as distintas formas de transporte -ferroviario e por estrada- nun único punto dunha cidade”, explicou, ao que engadiu que hoxe, Goberno central e Xunta comprometen coa cidade de Santiago unha estación dobre que conectará co aeroporto, “de tal xeito que todas as capacidades de transporte de persoas quedarán unidas de forma definitiva con esta infraestrutura”.

Deste xeito, e durante a súa intervención na presentación do proxecto de reforma da estación de ferrocarril de Santiago, Feijóo destacou o apoio do Goberno central, que compromete con investimento e prazos esta infraestrutura: “primeiro, a finalización deste anteproxecto no mes de xuño; posteriormente, ver como se inserta a estación de autobuses coa de ferrocarril, aspecto que a Xunta xa empeza a proxectar; e logo, a licitación da obra neste 2015”.

Centros de conectividade
Feijóo salientou, deste xeito, o compromiso da Xunta de contribuír á modernización das infraestruturas da Comunidade, a través da integración nas terminais ferroviarias das estacións de autobuses, facendo destes espazos os auténticos centros de intermodalidade que demandan os cidadáns.

Con este fin o titular da Xunta resaltou tamén as xestións realizadas polo Goberno galego ante a Unión Europea “que fixeron posible contar cuns 34 millóns de euros de fondos europeos para ás estacións intermodais”. Grazas a eses fondos, máis os fondos propios da Xunta, o Goberno autonómico vai acompañar o Executivo central para que a cidade de Santiago teña unha estación intermodal, dixo.

O responsable autonómico incidiu en que este proxecto supón unha estación viable e proporcionada aos viaxeiros e ás operacións dos trens que se van realizar en Compostela. “As conectividades do Eixo Atlántico e da meseta van confluír con conectividades cara ás vilas e o rural galego a través dos autobuses e, polo tanto, a alta velocidade non vai ser exclusivamente para os habitantes das cidades senón para todos”, concluíu.